10 xullo 2014

Comunicado xuntanza co Valedor do Pobo

ALEAS-EU,diferentes asociacións LGTBI e outras organizacións políticas reuníronse co Valedor do Pobo para pedirlle que siga o funcionamento da “LEI-ESTAFA DO PP” e así garantir que sexa operativa

ALEAS-EU considera positiva a xuntanza mantida co Valedor e faralle chegar propostas de cara á futura modificación da Lei

Como por todas e todos é ben sabido, o pasado abril aprobouse no Parlamento de Galiza a “Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación de Gays, Lesbianas, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia”, unha Lei que se presume pioneira no Estado, cando tanto a maioría do tecido LGTBI galego e esta área de traballo denunciamos que a Lei fora baleirada de contido polo Partido Popular, de aí o seu voto a favor á mesma.

01 xullo 2014

Comunicado por mor da reincorporación á docencia de Domingo Neira na USC

ALEAS-EU non entende como a USC pode readmitir a Domingo Neira como docente e advirte que a batalla aínda non rematou


No día de hoxe, fíxose público que o profesor Domingo Neira García, o docente homófobo e misóxino de Maxisterio Infantil ao cal se lle abrira un expediente polas súas leccións de odio, reintégrase á docencia na USC, logo de cumprir unha sanción disciplinaria (suspensión da posibilidade de impartir clases e retirada de soldo, durante dous meses) como consecuencia das denuncias do alumnado contra esta persoa.

Non se pode permitir que a USC reincorpore a Domingo Neira na docencia, e máis aínda despois de que o mesmo órgano directivo da universidade emitise un comunicado o pasado día 28 de xuño – Día Internacional do Orgullo LGTBI – declarando e manifestando o seu compromiso coa comunidade LGTBI e que traballará a favor da igualdade entre persoas con independencia da súa orientación sexual.