26 abril 2013

26 de abril - Día da visibilidade lésbica

A Área de mulleres e a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS) de Esquerda Unida queren neste 26 de abril, Día da Visibilidade Lésbica, denunciar a discriminación en todos os aspectos a este colectivo.

 Dende Esquerda Unida reivindicamos, este 26 de Abril, Día da Visibilidade Lésbica, a liberdade das mulleres, a defensa dos seus dereitos sexuais, e a máis que nunca necesaria loita contra o heteropatriarcado fronte aos continuos ataques contra as mulleres en xeral e o colectivo LGTBI en particular.

O día a día das mulleres lesbianas aínda é, se cabe, máis difícil que o da maioría das mulleres.   Vítimas dunha dobre discriminación: por ser mulleres e pola súa condición sexual que non entra dentro da heteronormatividade que rexe as institucións e a política.

A discriminación xa implícita nesta sociedade patriarcal sumada os recortes e as reformas que aumentan a precariedade laboral, que inciden en especial nas mulleres, fai que esteamos a experimentar un “retorno ao armario”, unha ocultación do modo de vida das mulleres lesbianas por medo a sufrir represalias ou dificultar o seu acceso ao mundo laboral.

As mulleres lesbianas teñen que soportar os ataques continuos dende as institucións presionadas pola xerarquía eclesiástica. A vulneración dos dereitos das mulleres e do colectivo LGTBI está a ser o selo ideolóxico do Partido Popular.  Por un lado, a modificación da lei do aborto que impón a maternidade ao mesmo tempo que o Goberno suprime toda axuda dos servizos sociais, a lei de dependencia, e as prazas nas garderías. Polo outro, as mulleres lesbianas que se queren ser nais atópanse con trabas nos tratamentos de reprodución asistida e discriminacións nos rexistros do civil para rexistrar as súas crianzas a nome de dúas mulleres. Esquecéndose dende as institucións que o matrimonio ten sempre os mesmos dereitos, con independencia de que sexa homosexual ou heterosexual. Dende ALEAS Esquerda Unida e a Área de Mulleres reivindicamos, unha vez máis, a necesidade dun Estado realmente laico libre de imposicións relixiosas.

A visibilidade lésbica nas escolas e institutos é unha materia pendente e tabú. O acoso homofóbico ao colectivo LGTBI e a marxinación que padecen está á orde do día baixo o amparo do Goberno que non fai nada para atallalo, ao contrario, demostra en moitos casos unha grave falta de sensibilidade. Baixo políticas ideolóxicas retrógadas, heteropatriarcais e eclesiásticas eliminase aínda máis a xa limitada visibilidade LGTBI, suprimindo, por exemplo, a materia “Educación para a cidadanía”.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual e a Área de Mulleres de EU Compostela defendemos que a condición sexual de cada persoa non é asunto nin do Estado, nin da Igrexa, nin de ninguén máis que a mesma persoa en cuestión. Felicitamos neste día a todas as mulleres que non agochan a súa orientación sexual, se non que a viven con orgullo e liberdade loitando pola normalización do colectivo LGTBI na sociedade.

Porque por máis que o intenten non poderán relegarnos de novo ao fogar, a boca pechada, controlando as nosas vidas ou os nosos corpos, nin evitar que sigamos loitando. A loita contra a LGTBIfobia e polos dereitos das mulleres é unha loita de todas e todos pola construción dunha sociedade diversa e igualitaria.

19 abril 2013

ALEAS-EU fronte á homofobia do PP

ALEAS Esquerda Unida denuncia a homofobia do Partido Popular que ven de rexeitar en Comisión de Sanidade no Parlamento Galego a PNL de AGE sobre a creación de  Plans de Saúde específicos para a comunidade LGTBI. 


Os argumentos dados polo Grupo Parlamentar Popular para votar en contra da PNL pasan por entender que "a sexualidade forma parte da intimidade de cada persoa" e que "non queren facer guetos na sanidade".

Negar a existencia de necesidades que requiren un plantexamento específico e rexeitar a posibilidade de formar ao persoal sanitario, provoca inequivocamente o que eles din que pretenden evitar: provoca a ausencia de protocolos preventivos con respecto á saúde e deriva en aspectos mal tratados (tanto física como psicoloxicamente) por ausencia de coñecemento e formación por parte dos profesionais. Igualmente nega a posibilidade de lanzar campañas públicas de información e prevención específicas.

A OMS (Organización Mundial da Saúde) con datos dispoñibles de dezasete Comunidades Autónomas españolas, alerta que no último ano de referencia (2011) rexistráronse 2763 novos diagnósticos de infeccións por VIH dos cales un 53,6% se corresponden con infeccións en HSH (Homes que teñen Sexo con Homes). Este dato mostra que nun periodo de tan só catro anos a taxa de novos diagnósticos vese incrementada nun 20%. Nesta liña, GESIDA(Grupo de Estudio de SIDA) alerta de que as medidas de restrición no acceso da poboación inmigrante ilegalizada en materia de saúde sexual poden incrementar entre un 10% e un 20% as infeccións por VIH en España e que neste primeiro ano poderán producirse entre 20 e 50 mortes derivadas desta carencia.

Outras ITXs (Infeccións de Transmisión Xenital) sofren tamén incrementos nas taxas de incidencia. Tres de cada catro diagnósticos de Sífile e un de cada dous diagnósticos de Gonococia corresponden a HSH en España (dato do Sistema EDO de vixilancia epidemiolóxica para ITXs).

As medidas discriminatorias e de recortes do Goberno central en materia de saúde pública son culpables directas desta situación e o Goberno de Galicia, como responsable en materia de saúde, é o xestor e cómplice da ausencia de plans específicos de saúde sexual para as persoas LGTBI.

Dado que a Lei establece igualdade entre tódalas persoas sen prexuízo de sexo, identidade ou orientación sexual tanto en Galicia como no conxunto do Estado español, as necesidades LGTBI en materia de prevención e saúde sexual deben ser correctamente tratadas e expostas a través de plans específicos e non excluíntes: prevención de ITXs, controis epidemiolóxicos, revisións médicas, necesidades psicolóxicas e igualdade de trato en campañas informativas e preventivas, que se complementarán coa elaboración e difusión doutras específicas. Ao persoal sanitario deberá dárselle ademais formación adecuada.

A negación por parte do Grupo Parlamentario popular e o Goberno de Galicia de conformar estas materias específicas en función de saúde sexual supón unha neglixencia institucional que atenta contra as persoas LGTBI e o conxunto da poboación.

Afirmar que "a sexualidade pertence ao ámbito da intimidade" é unha actitude hipócrita por parte dun goberno que pretende limitar o dereito ao aborto, que se nega a lexislar en materia de transexualidade e que deixa ao colectivo inmigrante ilegalizado sen atención sanitaria básica.

Dende ALEAS Esquerda Unida instamos polo tanto, de novo, ao Grupo Parlamentario Popular e ao Goberno de Galicia a tomar cartas en materia de prevención, formación e atención con Plans de Saúde Sexual LGTBI, a reclamar ao Goberno central o restablecemento da sanidade pública universal, a que se posicionen favorablemente en relación ao Pacto Social pola non discriminación asociada ao VIH-SIDA, a lexislar políticas específicas para persoas transexuais e a restituír orzamentos para un plan específico para a comunidade LGTBI.
 

18 abril 2013

O PP rexeita crear un Pan de saúde LGTBI

O PP ven de amosar unha actitude homófoba ao rexeitar a creación dun Plan de saúde específico para a comunidade de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. 

Alternativa Galega de Esquerda presentou unha iniciativa en comisión parlamentaria para a creación dun Plan de saúde específico para a comunidade LGTBI (lesbianas, gais, transexuais e bisexuais) no que garanta a igualdade de todas as persoas sen prexuízo de sexo, identidade e orientación sexual tanto en Galicia coma no conxunto de España, iniciativa que foi rexeitada polo PP amosando unha vez máis a súa actitude homófoba e a súa falla de sensibilidade co colectivo.

A deputada Eva Solla calificou de deplorables as declaracións do PP nas que xustificaban a súa votación en contra porque “a sexualidade forma parte da intimidade de cada persoa” e afirmando que “non queren facer güetos na sanidade”.

A deputada de AGE insistiu na necesidade de ofrecer formación aos profesionais sanitarios específica acerca da saúde deste colectivo, para evitar posibles situacións de discriminación por descoñecemento sobre qué facer, e non tanto por actitudes homofóbicas por parte dos profesionais.

As persoas homosexuais, bisexuais e transexuais teñen unhas necesidades en materia de prevención e promoción da saúde diferentes nalgúns aspectos ás que poden precisar as persoas heterosexuais. Coma pode ser o caso da prevención das ITXs (infeccións de transmisión xenital), o seu control epidemiolóxico, revisións médicas (xinecolóxicas, urolóxicas…) ou necesidades psicolóxicas.

Na actualidade gran parte desta atención non se está a prestar axeitadamente por falla de adaptación das campañas xerais de saúde dende unha perspectiva LGTBI e por falla de formación axeitada nos propios profesionais. Isto xera prexuízos tanto para estas persoas de maneira particular coma para o conxunto da sociedade, impedindo a igualdade real de dereitos.

Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda considera unha cuestión de xustiza que o goberno galego deseñe e poña en funcionamento un Plan de Saúde cara o colectivo LGTBI que inclúa campañas específicas de prevención das ITXs, formación do persoal sanitario acerca da saúde do colectivo e impulsar campañas específicas en materia psicolóxica de cara a previr o maltrato e acoso cara a estas persoas.

Máis información en http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/default.aspx?dia=17/04/2013




17 abril 2013

1º de Maio: Orgullo é clase obreira!

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) defenderá no 1º de Maio, Día da Clase Traballadora, as reivindicacións propias das persoas LGTBI, especialmente afectadas polas políticas neoliberais e conservadoras do Goberno do Partido Popular en materia laboral. 

No primeiro trimestre de 2013 o número total de persoas desempregadas no Estado Español supera os 5 millóns, a taxa de desemprego xuvenil alcanza o 55%, e máis dun millón de persoas, fuxindo da pobreza, o paro e a precariedade laboral, tiveron que exiliarse nos últimos anos. Esta situación é consecuencia directa da política neoliberal levada a cabo polo Goberno do Partido Popular, que ten como obxectivos principais o desmantelamento do escaso Estado de benestar que tiñamos ata o de agora, a través de sucesivos recortes orzamentarios en servizos sociais básicos como a educación, a sanidade ou as pensións, e a creación de man de obra barata para os Estados máis fortes da UE, como Alemaña. Ademais, a reforma laboral aprobada o pasado ano polo Goberno central arrebata ás clases traballadoras e asalariadas a posibilidade de defender os seus dereitos sociais e laborais.

Estas políticas de austericidio e de privatización dos servizos públicos teñen consecuencias perversas para a clase traballadora no seu conxunto e para o colectivo LGBTI en particular. A interrupción dos programas de reprodución asistida para mulleres lesbianas e bisexuais, a eliminación das partidas orzamentarias destinadas a operacións de reasignación xenital ou os recortes en investigación e prevención do VIH-SIDA afectan especialmente, e con dramáticas consecuencias, aos diferentes colectivos de persoas LGTBI. Ademais, hai que destacar as dificultades que as persoas transexuais seguen atopando para acceder ao mundo laboral, sendo unha gran minoría as e os que finalmente o conseguen. En definitiva, as persoas LGTBI ven cómo os seus dereitos civís, conquistados durante décadas grazas a un arduo traballo de sensibilización e de loita social, sonlles arrebatados nuns poucos meses co manido argumento de que trátanse de medidas obrigatorias impostas por organismos económicos internacionais.

Especificamente o ámbito laboral, a nova reforma neoliberal aprobada polo Goberno central obriga ás persoas LGTBI a "volver ao armario". A facilidade ofrecida á patronal para o despido masivo e arbitrario fai que, na práctica, calquera acto de visibilización dunha orientación sexual e/ou identidade de xénero non heteronormativa poda motivar un despido non xustificado en termos económicos. A isto hai que sumarlle o ataque brutal contra o dereito á negociación colectiva que esta reforma supón, así como a persecución contra as organizacións obreiras e sindicais. Sen sindicatos nin negociación colectiva pérdense dous instrumentos esenciais para impulsar a igualdade e o respecto á diversidade no plano laboral.

Neste contexto, ALEAS-EU ve ineludíbel construír en torno ao 1º de Maio, Día da Clase Traballadora, un proxecto común que englobe ás maiorías sociais perxudicadas polas políticas neoliberais da Troika (FMI, BCE e Comisión Europea) e o Goberno do Partido Popular. Se nos anos da expansión económica o movemento LGTBI puido impulsar o debate sobre a idoneidade de construír alianzas concretas cuns ou outros sectores da sociedade, agora máis que nunca faise patente a inevitabilidade de converxer en torno a un mesmo proxecto común, construído colectivamente e dende abaixo. Por iso, a Área de diversidade afectivo-sexual de Esquerda Unida fai súa a convocatoria de loita social en torno ao 1º de maio, co obxectivo de facer confluír nun mesmo espazo e nun mesmo discurso as reivindicacións propias das persoas LGTBI coas da clase traballadora. Porque as transmaribibolleras tamén somos clase obreira!

15 abril 2013

Manifesto de Esquerda Unida pola III República

Este ano conmemoramos o 82 aniversario da Proclamación da II República Española e afrontámola nuns momentos onde a situación social é de extrema gravidade, onde os gobernos tanto do PSOE coma do PP nos colocaron á mercede dos mercados, coa legalización da precariedade no emprego e na vida das persoas.

ALEAS-EU rexeita a homofobia do bispo Reig Plá

Con motivo da presentación do “Encuentro Internacional por la Vida”, que tivo lugar a pasada fin de semana na Universidade CEU-San Pablo, o bispo de Alcalá de Henares volveu realizar unhas declaracións homófobas e sexistas. Juan Antonio Reig Plá asegurou que “introducir certas ideoloxías no ensino leva ao cuestionamento, por parte dos nenos, da súa condición homosexual”.

Ademais diso, este bispo aproveitou a ocasión para refrendar as palabras pronunciadas o pasado 7 de Abril de 2012 na homilía retransmitida por TVE sobre a homosexualidade e o aborto. Así, asegurou que o día no que se deroguen as leis que regulan a interrupción voluntaria do embarazo haberá un “grito de liberdade”, e que “probando” as rapazas e os rapaces poden incluso chegar a se “prostituíren”. En verbas do propio bispo: “Falaba de nenos que levados por unha ideoloxía poden dubidar da súa condición e identidade sexual e que ás veces pode levar a que un probe se é dunha maneira ou doutra”.

05 abril 2013

Comunicado de prensa: Xornadas federais ALEAS-IU

A ÁREA DE LIBERTADE DE EXPRESIÓN AFECTIVO SEXUAL (ALEAS) DE IZQUIERDA UNIDA CELEBRA O 6 E 7 DE ABRIL AS XORNADAS FEDERAIS EN COMPOSTELA
 
DENDE A EXECUTIVA DE ESQUERDA UNIDA E PARA O COORDINADOR NACIONAL DE ALEAS-EU GABRIEL RODRIGUEZ, ESTAS XORNADAS SUPOÑEN UNHA GRAN OPORTUNIDADE PARA PENSAR OS NOVOS DESAFÍOS DO MOVEMENTO LGTBI DESDE A ESQUERDA

03 abril 2013

14 de abril: Orgullo é República!

Con motivo do 82º aniversario da proclamación da IIª República, a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida mostra o seu rexeitamento á institución monárquica por antidemocrática, machista, homófoba e patriarcal.


Un ano máis, ALEAS-EU reivindica a construción da Terceira República como unha oportunidade para a conquista de dereitos e liberdades por parte das maiorías sociais en xeral, e para as persoas LGTBI en particular. Tal e como se ven facendo dende os distintos ámbitos de Esquerda Unida, dende ALEAS-EU expresamos o noso máis sinceiro apoio aos actos de conmemoración da proclamación da IIª República. Este período político, se ben desgraciadamente breve, supuxo enormes avances na igualdade social, así como a consecución de dereitos e liberdades ata entón descoñecidos, como por exemplo: o recoñecemento dos dereitos das mulleres, a mellora nas condicións laborais das clases traballadoras ou a aceptación das diferentes realidades nacionais dentro do Estado Español son só algúns exemplos disto.